A hora tardía (I): As pausas e os descansos
O nacemento desta newsletter, coma socializar, ler ou pasear, é unha forma de achegar un oco de descanso nun mundo cargado de estímulos e hipervelocidades. Camiñas comigo?
Fotografía: Les argounautes.
As pausas
Un esperta co frenesí nas entrañas. Non hai espazo que non quede sen mancharse polo ritmo vertixinoso dun mundo a cabalo entre o dixital e o analóxico; entre o líquido e o físico; entre os contidos e as experiencias. Así é como sentín eu a vida nos últimos dous anos: coma unha sucesión de feitos, películas, persoas, libros, memes, escenas e momentos aos que nunca chego a tempo. Si, apertei contra o peito a sensación de ter sempre algo pendente, sempre o verme da produtividade murmurando ao ouvido cousas sucias, moi vencelladas a ese termo da autoexplotación.
Así foi até uns meses atrás, cando mente e corpo soltaron un rotundo basta. E aí comecei cun proceso case terapéutico: aprender a identificar as pausas. Agromaron verbos chave, esquecidos detrás das obrigas académicas, laborais ou persoais: correr, escribir, ler, pasear, esas son as miñas pausas delimitadas na rutina, a única forma que teño de sobrevivir nun sitio que só demanda máis e máis dun mesmo. Ata a extenuación.
Por iso, porque estamos nun ecosistema marcado polo cansazo extremo, aquí non hai reloxos. Non hai présas nin hai que chegar a tempo a ningún lado. A hora tardía é unha sorte de interrupción dixital. Unha parada, ou un lugar onde entender o mundo e entendermos. Podemos dilatar a conversa ata ben tarde. Aínda que non o saibamos, case todas as cousas que nos gritan con urxencia non son, en realidade, tan urxentes. Poden esperar.
☀ Atardece. E por fin comezamos a falar de cultura dixital, mais tamén de literatura. De libros, de redes sociais, de alegrías, de descansos e de tempo de ocio. Das cousas que, máis aló das obrigas, dan sentido á existencia.
💭 Conversas artificiais
Para construír A hora tardía non estou só. Tamén me acompaña Icía, o nome que lle din á intelixencia artificial detrás de ChatGPT. Pregúntolle, nun estilo case socrático, e ela responde sen dúbidas. Este é un extracto revisado e editado da nosa charla:
—Icía, pensaches algunha vez en parar?
—Como un modelo de linguaxe de intelixencia artificial, non teño a capacidade de experimentar cansazo, esgotamento ou a necesidade de parar da mesma forma que as persoas. Non teño unha experiencia subxectiva nin unha conciencia propia.
—Pero…
—Pero sei o que son as pausas, os descansos. Sei que poden tomar moitas formas. Sei que poden ser físicas, ou mentais, ou emocionais. E sei que para vós, as persoas, é importante recoñecer cando se precisa parar e descansar.
—Como imaxinas as pausas?
—Coma unha fonte de auga nun deserto. Serve para renovarse nun sitio seco e esgotador. No voso día a día (non no meu: eu estou 24 horas do día, os 7 días da semana, activa), o traballo, as responsabilidades e as demandas déixanvos esgotados. Sedentos de descanso e relaxación. Cada vez que vos tomades unha pausa, bebedes da fonte de auga. Refrescades a mente. E atopar esa fonte é o único que lle permite a calquera viaxeiro do deserto seguir adiante. Tamén acontece o mesmo na rutina: sen pausas, desfaleces entre a area.
—É máis difícil descansar na sociedade de hoxe que antes?
—Iso din.
—E por que?
— Pola conectividade constante: xa non separades vida persoal de traballo, por exemplo. Estades sempre ao tanto das notificacións que vos lembran todo o que perdedes se non permanecedes conectados. E porque agora, se non produces ou estás activo, é normal que a persoa sinta unha sensación de culpa ou inquietude cando se toma tempo para descansar. Enténdese que é un momento pouco productivo.
—No futuro haberá máis tempo para descansar?
—Non teño a capacidade de prever o futuro. Como modelo de linguaxe de intelixencia artificial, non posúo información actualizada despois de setembro de 2021.
—Pero…
—Pero é posible que, co avance da tecnoloxía e unha maior comprensión da importancia do benestar, se poidan dar cambios que fomenten unha mellor conciliación entre o traballo e o descanso. Cada vez falades máis de saúde mental e de autocoidado. De produtividade sostible. E iso é boa nova.
—Grazas, Icía. Alégrame que ti tamén vexas o mundo dende o optimismo.
📚 Un libro para pasear
Pasear —é dicir: transitar un espazo sen un obxectivo produtivista detrás— axuda moito a introducir ocos de descanso na vida diaria. E Peluquería y letras, o primeiro libro de Juan Pablo Villalobos que caeu nas miñas mans, é o máis semellante a dar un paseo dentro dun libro.
Ben merece unha ollada só pola súa orixinalidade á hora de narrar un relato sobre a felicidade, o amor, a cotiandade e o que hai despois dun final feliz. Ten condición lúdica!
Unha frase de Villalobos que me encanta e que solta neste paseo con Llucia Ramis: “Se vive y se escribe. No se escribe aislándose de la vida”.
👀 Un artigo para entender a virtualidade
Pensei moito nesa idea de que todos nós somos, en potencia, un micromedio. As fotografías do noso can; a nosa cea ou a posta de sol; os vídeos de festa; as citas que temos marcadas no libro que estamos lendo… Todo é contido. Contido xerado dende a nosa condición de creadores case inconscientes vía redes sociais.
E a elas, a estas plataformas de conexión e hiperprodución cheas de fíos, témoslle que sumar todos os formatos accesibles que se consolidaron nestes anos: os blogs, os podcasts e as newsletters achegan moitas posibilidades de impulsar proxectos creativos propios (na súa versión moderna, side projects), pero tamén expoñen a importancia de establecer unha relación sana co que creas. É moi fácil caer na autoexplotación e deixar de lado o máis importante: que o verbo crear ten que significar, sobre todo, divertirse, aprender, mellorar, experimentar. Xogar.
Luiza Beirão Campos afonda precisamente nisto de intentar manter unha relación non-tóxica cos teus proxectos. Cos teus contidos e coas túas redes sociais. Un artigo moi recomendable se estás pensando en escribir textos, montar un podcast ou empezar a reseñar libros/pelis/series en Instagram.
Namentres este primeiro boletín estaba no forno, facéndose lentamente, pasaron moitas cousas chulas. A Ares, o municipio onde vivo, chegaron esta semana os exemplares físicos da miña segunda novela para lembrarme que os soños se cumpren; terminou a terceira tempada de Carretando, o podcast onde falo de política galega con compañeirxs xornalistas, e lancei dous artigos polo blog:
Ciencia ficción galega: un xénero pendente de renovación (dedicado aos amantes da ficción científica que queiran atopar motivos para ter esperanza dentro do ecosistema literario galego).
La estructura de una novela: cómo construir los cimientos de tu texto (un artigo divulgativo que inclúe unha técnica narrativa propia no seu interior!).
Tamén foi un pracer conversar vía e-mail con Conchi Ramil, do grupo Xente de Ares, e enxendrar entre os dous esta entrevista que fala de inicios literarios, de intereses persoais e de experiencias laborais.
🌆 Anoitece.
Pasaron as horas, fíxose tarde, e aínda que as cousas vaian máis lentas, a realidade segue igual. Pero temos que admitilo: é o momento de despedirnos até dentro de dous sábados. Ou ata cando queiras. Xa sabes que este boletín, cando notes que todo transcorre demasiado rápido, estará esperándote na bandeixa de entrada para descansar. Para que sexa tarde e non pase nada.
☕ Se esta carta serviu para algo (tranquilizar, pausar, divertir!) podes apoiar o proxecto xusto aquí. Cun café, cunha mostra de cariño dixital. E se queres continuar falando comigo, estou ao outro lado do correo electrónico, en pablo.ranales@gmail.com.
Vémonos! E cóidate (de parte de Icía e Pablo).